luns, 24 de marzo de 2014

Jules Verne

Probablemente un dos viaxeiros literarios máis grandes que deu a literatura universal, por ceo, mar e mesmo no centro da terra:
20 000 leguas baixo dos mares
Viaxe ao centro da Terra
Cinco semanas en globo
E son só un pequeno exemplo do moitísimo que escribiu! Tantas que ata podemos dicir que foi un dos poucos que fixeron fortuna coa literatura. E sabedes outra cousa? Este francés tan adiantado no seu tempo foi tamén un gran defensor do esperanto.

Con 11 anos fuxiu da casa para ser grumete e mercarlle un colar de perlas á súa namorada. Xa pisaba forte daquela!
Moitos dos argumentos das súas novelas teñen que ver co seu gusto pola ciencia. E por que temos que escoller entre ciencias e letras cando podemos telo todo na vida?
Ao xeito dos personaxes das súas novelas, a Jules Verne encantáballe viaxar. En 1879 mercou un pequeno barquiño, o "Saint Michel" e viaxou polo Mediterráneo, Irlanda, Escocia, Noruega, Inglaterra, o Mar do Norte e o Báltico.
No club comentaban que quizais hoxe en día pensamos que os libros están xa pasados, pois moitos dos feitos e inventos que aparecen nas súas novelas, existen hoxe en día e mesmo xa foron superados. Que equivocados estamos! O goce da lectura é independente do tempo que pasase dende que se escribiu a obra.



domingo, 16 de marzo de 2014

Simbad o Mariñeiro

Máis ca unha historia, a nosa achega a esta obra é un xogo de matrioskas literarias. Simbad aparece dentro do conxunto de relatos que conforma As mil e unha noites. Coñecédelo? Hai moitas edicións desta obra universal, para todos os públicos  e gustos.
Cinco son as viaxes que leva a cabo Simbad, mais pensamos que deberás ser ti quen se mergulle nelas, sen nós che destapar nada destas fantásticas aventuras.
E tan universal é que Simbad acaba retirado escoitando as historias doutros viaxeiros da man de Álvaro Cunqueiro na obra Si o vello Sinbad volvese ás illas.
Máis datos sorprendentes? Hai unha película baseada na obra de Cunqueiro e de produción galega.





domingo, 2 de marzo de 2014

As viaxes de Gulliver

Grazas aos clubs de lectura podemos achegarmos aos contidos máis profundos das novelas que criamos coñecer. As viaxes de Gulliver son un bo exemplo desa segunda lectura que non sempre sabemos descubrir.

Do mesmo xeito ca o xa comentado Principiño, a aparencia de libro infantil agocha unha sátira á sociedade da época: O protagonista, o capitán Lemuel Gulliver, atópase en situacións paradoxais: é un xigante entre ananos, un anano entre xigantes e un ser humano avergoñado da súa condición nunha terra poboada por cabalos sabios que son máis humanos que os propios homes e desconfían, con razón, destes. Que vos parece? Inda pensades que só é un conto infantil?




Aquí vos deixamos a versión de Disney deste clásico universal. Seguro que para vós é case tan vella coma a propia novela!