mércores, 30 de outubro de 2013

LIBROS PARA PASAR MEDO

Na sesión do club de lectura de onte , ademais do que vos contamos na entrada anterior, a coordinadora do club fixo unhas propostas de lectura para esta longa fin de semana de Defuntos. Faloulles un pouco de que trataban os libros escollidos, algúns xa os coñecían e ata xa coñecían os autores persoalmente. Fixemos fincapé no medo que ían pasar lendo Aire negro, Cartas de inverno, Cando petan na porta pola noite...



Os máis adeptos á literatura de terror xa pediron prestados no momento algún destes libros. Pedro levou Aire negro e Ángel, Cartas de inverno. De volta destas minivacacións xa nos contarán a súa opinión sobre estas obras.

Os demais libros quedaron expostos na biblioteca á man de calquera que os queira levar para pasalo de medo estes días lendo.

LITERATURATURA E CINE

Na sesión do noso club de onte, 29 de outubro,  seguimos falando do libro Tristes Armas, acabamos de ler a 2ª parte do libro e para a seguinte sesión xa rematamos coa lectura desta novela que nos está emocionando.

Comentando algunhas escenas do libro os rapaces e rapazas do club falaron doutras lecturas que realizaron sobre a guerra e tamén lles fixemos saber que na nosa bliblioteca temos outros libros cuxa trama está relacionada con este tema como O neno de pixama de raias ou Un saco de canicas.

Charlando sobre isto enfiamos no tema da relación entre cine teratura. Os nosos "clubistas" expresaron as súas predileccións sobre se ler primeiro o libro e logo ver a película feita sobre ese libro ou viceversa, había opinións para todos os gustos. Tamén fixeron unha proposta, como son grandes fans do cine e da literatura gustaríalles ler un libro e logo ver a película sobre el. Recollemos esta proposta e veremos que podemos facer.

xoves, 24 de outubro de 2013

OS NENOS DA GUERRA EN RUSIA




Este martes, 22 de outubro, os membros do club estivemos vendo un anaco da película documental "Los niños de la guerra" no que se reflicte mediante entrevistas a historia de varios nenos , hoxe xa persoas maiores, que tiveron que partir lonxe do seu país e da súa familia cara a Rusia afastándose da guerra.

Estivemos vendo os 45 primeiros minutos de película e logo debatemos sobre o que nos parecera e, fundamentalmente, da relación que ten este documental coa historia contada en Tristes Armas.

Puidemos ver en imaxes a tristeza e a traxedia pero tamén a táboa de salvación, como algúns dos protagonistas aseguraban,  que supuxo esta viaxe a un país tan afastado do noso sen ningún familiar adulto cerca; no mellor dos casos tiñan un irmán ou irmá, tal e como lles acontece ás nenas Harmonía e Rosa no libro de Marina Mayoral.

Ver este documental fainos ver as desgrazas que produce unha guerra e desexar que este tipo de situacións non formen nunca parte da vida de ninguén e, moito menos, de rapaces pequenos.

Aquí vos poñemos o documental por se queredes velo.



TRISTES ARMAS







Nas reunións do club, os martes 8 e 15 estivemos a comentar as nosas impresións sobre o libro que estamos a ler TRISTES ARMAS  de Marina Mayoral. 

Na primeira sesión falamos do que supuxo a guerra civil para moitas familias e a pegada que deixou nas súas vidas. Falamos sobre o contexto histórico no que se desenvolve a historia de Harmonía e Rosa.

O día 15, xa todos tiñamos lida a primeira parte do libro e charlamos das primeiras impresións que nos causou a narración e demos a nosa opinión sobre cada un dos personaxes que aparecen nesta primeira parte.

En xeral o libro estanos gustando moito e encolleunos o corazón escenas coma o da despedida das nenas protagonistas e do pai antes de subir ao barco e a dramática ausencia da nai nestes momentos .

Seguiremos lendo e contando nas próximas reunións.

xoves, 17 de outubro de 2013

AQUÍ ESTAMOS DE NOVO







     O martes día 2 de outubro iniciamos unha nova andaina do noso club de lectura. Este ano os membros pertencen todos ao primeiro ciclo da ESO. Aquí os vedes na foto: Clara, Leolo, Fabián, Laura, Nia, Sabela, Pedro e Ángel. 

     Aproveitamos a ocasión para poñerlle un novo lema ao noso club e, entre varias propostas, a máis acollida e a definitiva foi  "LEO, LOGO EXISTO".

     Este ano as nosas lecturas teñen como nexo común as viaxes, da man dos personaxes coñeceremos diferentes países e veremos outras formas de vivir e de ver o mundo.

    Unha viaxe precisamente marca o inicio da novela co que imos comezar: Tristes Armas de Marina Mayoral, adiantamos moi por riba o seu contido para incentivar a curiosidade nos "clubistas" e decidimos que iamos ler a primeira parte do libro.

FELICES LECTURAS A TODOS E VÉMONOS VIAXANDO!